Cruz Vermella Formación

Cruz Vermella

Web oficial de Cruz Roja Española en Galicia

Volver a todas as novas

De voluntarios en proxectos sociais a emerxencias en pleno Atlántico

De voluntarios en proxectos sociais a emerxencias en pleno Atlántico

Martes 28 de xullo. Amence anubrado na Coruña. Citámonos ás 11 da mañá na Base de Salvamento Marítimo de Cruz Vermella con Rafa Anido, Beatriz Calavia e Alicia Dorado. Son tres voluntarios desta entidade en diferentes puntos da provincia que realizan tarefas moi distintas. En Sada, Alicia dedica os seus esforzos ao apoio escolar e a educación en valores de nenos en risco de exclusión; Rafa presta algunhas horas do seu tempo ao Espazo de Busca de Emprego (EBAE) da Coruña e Bea o fai no acompañando a persoas maiores en Santiago de Compostela.

A pesar das diferenzas, os tres teñen moito en común e o motivo polo que se encontran hoxe na Base é que resultaron gañadores do sorteo "Experiencias de vida" posto en marcha na páxina de Facebook Cruz Vermella A Coruña. Alí espéralles José Ramón de Bernardo, xefe da Base e patrón da embarcación Condesa Pardo Bazán, xunto a cinco voluntarios de Salvamento. A cita ten un obxectivo claro: Rafa, Bea e Alicia van ter a oportunidade, nesta mañá anubrada, de coñecer de primeira man como traballa o equipo da primeira Base de Salvamento de Cruz Vermella Española.

 

Turismo marítimo e actuación ante emerxencias

Sen deixar a un lado a seguridade fundamental neste tipo de accións, e acompañados de cascos e chalecos salvavidas, o equipo pon rumbo ao porto mentres permanece atento ás instrucións previas de José Ramón. "En caso de emerxencia non podemos levar tripulantes a bordo da Condesa polo que será necesario facer un transbordo á Blanca II, que será a encargada de traervos de novo a terra", comenta.

Subidos xa na embarcación, e unha vez solicitado o permiso para deixar o porto, o equipo afástase de terra para dar un paseo pola costa da cidade herculina. “Estou moi mareada pero isto teño que velo. É precioso", comenta Bea, que decide saír da cabina para gozar da paisaxe fronte á costa. O movemento do mar non afecta a Alicia, con algo máis de experiencia de navegación, para quen ver a zona do Orzán e Riazor dende o mar é unha oportunidade: "É algo ao que non tería podido acceder e é marabilloso", comenta.

As primeiras explicacións de navegación, a cargo de José Ramón, espertan a inquietude dos tripulantes e os primeiros comentarios sobre a paisaxe, pero tamén sobre o labor que realizan os seus compañeiros de Salvamento Marítimo. "É un traballo moi duro que require unha gran precisión e a mente moi fría. É admirable o que fan porque as condicións do mar moitas veces non son tan calmadas como as de hoxe", reflexionan.

Superados os primeiros mareos por navegar en mar aberto, o equipo deixa atrás a Torre de Hércules e diríxese cara á baía da Coruña, escenario da que será a segunda parte da experiencia: unha práctica de salvamento. "Oístes falar da boia do Chinés? Nesta zona fanse inmersións de mergullo para ver o buque mercante Rytherholl, afundido cando trataba de refuxiarse no porto da Coruña", conta José Ramón.

Toca entrar en materia e, con atención, os tres voluntarios invitados presencian de primeira man exemplos de rescates directos e indirectos nos que participan, así como os procedementos de actuación ante emerxencias, seguindo sempre a conduta PAS: protexer, avisar e socorrer. É parte da preparación que os equipos de Salvamento realizan cada semana co obxectivo de estar preparados para intervir en situacións de emerxencia.

 

Unha experiencia inesquecible

Xa en terra, e unha vez desprendidas do material de seguridade, Bea e Alicia reflexionan sobre a experiencia e a posta en marcha dunha iniciativa como esta. "Foi unha xornada espectacular e paréceme xenial que se fixese a nivel provincial porque nos deu a oportunidade a todos, mesmo aos que non temos o mar preto. Non me esperaba que fose así. Puiden coñecer como traballan noutras áreas e, sobre todo, comprobei que en Salvamento Marítimo traballan moitas horas e están moi implicados. É admirable o traballo que realizan", conta Bea. "A formación dos voluntarios é fundamental porque serve para facer o noso traballo mellor dentro da institución e iso se nota, como acontece co equipo da Base de Mar da Coruña, cunha formación tremenda", engade Alicia.

Para Rafa, que está a empezar a navegar en dornas, a experiencia serviulle tamén para dar un paso máis alá. "Por cuestións de tempo non creo que poida pero gustaríame probar a facer un voluntariado neste equipo. Comprobei que hai que dedicarlle moitas horas, máis das que emprego agora no EBAE, pero o estudarei".

 

Texto e fotos: Leticia Martínez