Cruz Vermella Formación

Cruz Vermella

Web oficial de Cruz Roja Española en Galicia

Volver a todas as novas

O pádel, coa infancia

O pádel, coa infancia

As instalacións de Zona Indoor de Pastoriza acollerán entre o 23 e o 31 de xaneiro o II Open de Pádel Cruz Vermella. Trátase dun torneo amateur con categorías feminina, masculina, mixta, veterana e pais e fillos, e inclúe primeira, segunda, terceira e cuarta categoría. Pero máis aló do trofeo, cada participante competirá por unha causa que une a todos: a loita contra a pobreza infantil.

A inscrición no torneo realizarase a través da web www.doblered.net cun custo de 12 € para unha categoría, 10 € para as seguintes e 5 € no caso de pais e fillos, que serán abonados ao comezo do torneo. Aos beneficios do torneo sumaranse os donativos que os participantes queiran realizar durante o evento, cantidade que se destinará a apoiar a familias con fillos que atravesan momentos de dificultade económica a quen se entregará produtos básicos de hixiene infantil. O obxectivo é conseguir 600 €, cantidade coa que se conseguiría chegar a cada unha das 140 familias ás que Cruz Vermella apoia na cidade da Coruña. A entrega de produtos para cubrir as necesidades básicas é unha das accións que realiza Cruz Vermella para velar polos dereitos das persoas, pero trata de ir máis aló con itinerarios de inclusión social ou de inserción laboral co obxectivo de que as persoas poidan saír adiante con solucións sustentables no tempo.

Ademais, o torneo contará con partidos de exhibición dalgúns dos mellores xogadores de Galicia e un equipo de formadores e voluntarios de Cruz Vermella impartirá de maneira gratuíta clases de primeiros auxilios. “O pádel é unha actividade de lecer e deportiva, pero non só iso: todos construímos sociedade. Pensamos en Cruz Vermella polo gran labor social que realiza esta organización e quixemos dedicar os fondos a un colectivo especialmente vulnerable como é a infancia”, explica Ignacio Tomé, director do torneo e profesor de Zona Indoor. As instalacións atópanse situadas en cálea Brasil, 5 (Pastoriza). Esta é a segunda edición dun torneo que o ano pasado reuniu a 75 parellas.