Cruz Vermella Formación

Cruz Vermella

Web oficial de Cruz Roja Española en Galicia

Volver a todas as novas

Os alumnos do primeiro curso homologado de socorrismo da Coruña, listos para tirarse á piscina

Os alumnos do primeiro curso homologado de socorrismo da Coruña, listos para tirarse á piscina

O curso de socorrismo acuático en instalacións organizado polo Centro de Formación de Cruz Vermella finalizará a semana próxima sumando 15 profesionais á canteira galega. Se trata do primeiro curso homologado pola Xunta de Galicia na provincia da Coruña, ámbito no que Cruz Vermella é o único centro que pode ofertar esta formación con validez oficial dende o cambio da normativa que regula o exercicio do socorrismo en 2012.

Durante os pasados tres meses, os alumnos do curso de socorrismo traballaron, non só en conceptos teóricos, senón tamén en primeiros auxilios, o perfeccionamento da técnica de nado nos catro estilos e na práctica de todos os supostos de emerxencias que se poden encontrar no seu traballo diario. "Por exemplo, vimos como sacar da auga e atender a unha persoa cun problema de medula, probando diferentes maneiras de remolcar, pois é importante que cada un encontre a técnica que lle faga sentir máis cómodo", explica Pablo Gallego, historiador de 27 anos e alumno do curso.

Tamén practicaron con casos de distrés acuático e vítimas a punto de afogarse. Trátase de situacións extremas para as que os socorristas deben estar preparados, aínda que Pablo confesa que o máis habitual é encontrarse con cortes, mareos ou esvaróns, como o que presenciou durante as súas prácticas nas Piscinas de San Amaro.

Actualmente este mozo estuda oposicións e ve no curso de socorrismo unha vía para conseguir un emprego. "Un dos motivos para realizar este curso é que está homologado. Cos cambios que está a haber, é importante asegurarse de que o curso é oficial", comenta. O seu compañeiro Juan Fariña, 29 anos, profesor de educación física, pensa en obter tamén o título de socorrista de praia. "Aí é máis doado que te collan para traballar. En piscinas é complicado, pero se o consegues tes traballo durante todo o ano e non só en verán", explica.

Nova convocatoria de cursos

O obxectivo do cambio normativo promovido pola Xunta en 2012 é homoxeneizar a formación dos socorristas que traballan en praias e piscinas en Galicia, dado que actualmente conviven profesionais formados en cursos de fin de semana con outros de máis duración.

Durante os próximos meses, o Centro de Formación de Cruz Vermella sacará novos cursos de socorrismo, tanto completos como módulos temáticos, para axudar aos socorristas a completar a súa formación, pois dentro de tres anos non poderán traballar se non contan coa homologación. O primeiro destes cursos será o módulo de prevención de accidentes en espazos naturais, que empezará o 14 de novembro, con matrícula aberta ata o 23 de outubro.