Cruz Vermella Formación

Cruz Vermella

Web oficial de Cruz Roja Española en Galicia

Volver a todas as novas

Os primeiros auxilios toman a rúa na provincia da Coruña

Os primeiros auxilios toman a rúa na provincia da Coruña

A asistencia inmediata é o principal elo da cadea de supervivencia en casos de emerxencia, xa se trate de desastres, accidentes do día a día ou enfermidades repentinas. Os primeiros auxilios salvarían a maioría das vidas en perigo por estas causas; non obstante, apenas o 10% da poboación española ten os coñecementos necesarios. Por iso, Cruz Vermella difundirá estas técnicas en diferentes localidades da provincia coruñesa con motivo do Día Mundial dos Primeiros Auxilios, que se celebra este sábado 13 de setembro.

"A recomendación que facemos é que o 20% da poboación debería ter coñecementos de primeiros auxilios, e polo menos unha persoa en cada fogar. Trátase duns coñecementos sinxelos que se adquiren a través de cursos breves e que poderían ser vitais para as persoas do noso ámbito", sinala Belén Maside, responsable do Plan de Saúde de Cruz Vermella na provincia da Coruña. En España, cada ano prodúcense dous millóns e medio de accidentes nos ámbitos doméstico e do ocio, segundo a enquisa DADO do Instituto Nacional de Consumo do 2011; unha cifra que dá conta do importantes que son os primeiros auxilios no día a día.

As principais lesións que teñen lugar no fogar son as caídas, os golpes contra obxectos, os cortes, as queimaduras, as intoxicacións, os atragoamentos e a asfixia. Os grupos máis vulnerables son os nenos, especialmente os menores de 4 anos, as persoas maiores e as mulleres, xa que a maioría das lesións están ligadas á actividade doméstica. "Abondan só catro minutos para que o bloqueo das vías respiratorias sexa mortal. Dado que fai falta moito máis tempo para que cheguen os servizos de emerxencias, a asistencia inmediata pode ser a diferenza entre a vida e a morte", completa Maside.

 

Formación para salvar vidas

Cruz Vermella realizará en diferentes localidades da provincia varios talleres de reanimación cardiopulmonar tanto para adultos coma para nenos, ademais de explicar a conduta PAS (Protexer, Avisar e Socorrer) que toda persoa debe coñecer á hora de actuar nun accidente e repartirá material informativo e sanitario en colaboración coa empresa Hansaplast. Tamén se sorteará un curso de primeiros auxilios infantís na páxina de Facebook de Cruz Vermella A Coruña. O obxectivo é ampliar os coñecementos que a poboación ten destas técnicas para contribuír a salvar vidas.

Na cidade da Coruña, ademais, realizarase unha exhibición dos vehículos de emerxencias de Cruz Vermella que poderán ser visitados por dentro, entre eles unha ambulancia e unha lancha; as actividades completaranse cun simulacro de accidente de moto e outro de reanimación cardiopulmonar. Tamén en Santiago de Compostela se poderá visitar unha das ambulancias de emerxencias.

Cada ano, Cruz Vermella organiza na provincia 100 cursos de primeiros auxilios, tanto xenéricos coma infantís. Trátase de cursos dirixidos á poboación en xeral nos que se estuda a reanimación da vítima, o tratamento de hemorraxias, queimaduras e traumatismos e a mobilización e evacuación de feridos, entre outros conceptos.

Ademais, a Organización realiza charlas gratuítas en Centros Cívicos, asociacións e colexios que están dispoñibles para as entidades que desexen mellorar os coñecementos destas técnicas nos seus ámbitos.

 

Actividades programadas

  • A Coruña – sábado 13 de setembro de 11h a 14h na Praza de Vigo
  • Santiago de Compostela – sábado 13 de setembro de 12 a 14h e de 18 a 20h no parking exterior das Cancelas
  • Rianxo – sábado 13 de setembro de 12 a 14.30h na Praza de Castelao
  • Porto do Son – domingo 14 de setembro de 11.30 a 13.30h no Paseo Marítimo
  • Betanzos – domingo 21 de setembro de 11 a 14h na Praza Hermanos García Naveira
  • Sada – domingo 21 de setembro de 18 a 20h na Praza Hermanos Suárez Picallo