Cruz Vermella Formación

Cruz Vermella

Web oficial de Cruz Roja Española en Galicia

Volver a todas as novas

Tres pasos para actuar en emerxencias: protexer, avisar e socorrer

Tres pasos para actuar en emerxencias: protexer, avisar e socorrer

O sábado 13 de setembro celébrase o Día Mundial dos Primeiros Auxilios. En Galicia, igual que no resto do país, tan só unha de cada dez persoas sabe como actuar en caso de emerxencia, xa sexa por accidente doméstico ou de tráfico, por unha catástrofe ou por enfermidade repentina.

Un dos obxectivos de Cruz Vermella é aumentar o número de persoas que coñecen as técnicas dos primeiros auxilios, xa que son unha ferramenta fundamental para salvar vidas; pero antes de aplicar estas técnicas de socorro existen outras medidas que se deben seguir: a conduta PAS (Protexer, Avisar, Socorrer).

En que consiste a conduta PAS?
A responsable do plan de saúde de Cruz Vermella na Coruña, Belén Maside, explícao: "A reacción que toda persoa ten por natureza cando presencia un accidente ou unha emerxencia é tratar de socorrer as vítimas; non obstante, isto non é o axeitado. O primeiro paso sempre debe ser a protección: protexerse a un mesmo e ao ámbito, e deste xeito evitamos ferirnos nós mesmos ou agravar a situación". Algúns exemplos desta conduta de protección serían evitar o perigo, como camiñar por unha autoestrada cando os coches están a circular ou taparse a boca e o nariz en caso de fume.

"Unha vez que comprobamos que estamos seguros, o segundo paso é avisar aos servizos de emerxencias", continúa Maside. Para iso, débese chamar a emerxencias en Galicia, o 061, ou ao teléfono nacional de emerxencias 112, unha chamada que é posible facer dende calquera lugar, mesmo onde non hai cobertura telefónica. Durante a chamada deberase indicar o lugar no que se encontra e describir a situación e o estado da vítima.

Despois destes dous importantes pasos, procédese a socorrer a vítima. "Hai diferentes formas de actuar segundo o accidente do que se trate, pero sempre é importante comprobar que a vítima ten pulso e respira, asegurarnos de que non se dorme e permanecer ao seu lado en todo momento, nunca a deixar soa. Só se debe actuar se se teñen coñecementos de primeiros auxilios, por exemplo, coa reanimación cardiopulmonar se non respira, ou colocándoo na posición lateral de seguridade se está inconsciente", completa a responsable de saúde.

Cada ano, Cruz Vermella organiza en diferentes localidades da provincia 100 cursos de primeiros auxilios, tanto xenéricos coma infantís. Trátase de cursos dirixidos á poboación en xeral nos que se estudan a reanimación, o tratamento de hemorraxias, queimaduras e traumatismos e a mobilización e evacuación de feridos, entre outros conceptos. Cruz Vermella recomenda que polo menos unha persoa en cada fogar saiba como aplicar estas técnicas, pois con elas se salvarían a maioría das vidas en perigo por emerxencias.